Instancia presentada pola APVS. IBI. Paso previo a denuncia ante Fiscalía.



Despois de que o pasado 30 de maio interpuxeramos unha pregunta no pleno municipal, e sen que obtiveramos resposta ata o momento. Hoxe, 7 de xullo, acabamos de presentar unha nova instancia, desta vez redactada pola avogada da Asociación, e acompañada por 1565 sinaturas de veciños e veciñas do concello.

Na mesma exponse a nulidade de pleno dereito -art. 62.1.a) Lei 30/92- dos actos de valoración catastral polos que se incrementa o valor  catastral dos inmobles urbanos, pois o procedemento de aprobación do informe de valores é plenamente ficticio, determinante dunha absoluta falta de motivación desta, ó formularse sen ter en conta os estudos de mercado inmobiliarios e a normativa urbanística do Concello de Sanxenxo, tal como esixen as normas 22.2 e 23 do Real Decreto 1020/1993, de 25 de xuño.

Por outra banda, estase a demostrar que parte do PXOM do 2003 non é viable nin acorde á realidade, tal como demostran as últimas sentenzas do TXSG, que anulan varios plans parciais; polo que cada vez vese con maior claridade que é totalmente necesaria unha revisión do mesmo.

Así mesmo, seguimos insistindo en que o Concello de Sanxenxo, ó non contemplar nas Ordenanzas Municipais as bonificacións, está vulnerando o principio de igualdade e capacidade económica consagrados no artigo 14 e 31 da Constitución Española. Non pode ser que quen fixo charlas defendendo estas bonificacións no ano 2014, leve máis dun ano coa competencia de redactalas e ainda non o fixera, en detrimento da xustiza social, pois as familias económicamente máis desfavorecidas son as que se ven empurradas cada vez máis cara ao umbral de pobreza.

Dende a asociación pretendemos resolver da maneira máis pacífica e cívica posible este problema que levamos acarrexando xa dous anos, de feito, esta instancia ten como finalidade aportar ao órgano de goberno xurisprudencia e a base legal na que fundamentamos a nosa petición; pediremos unha nova entrevista en breve para estudar de novo o caso. Sen embargo, xa estamos plantexando a posibilidade de levar este problema ante Fiscalía, se é que antes do mes de setembro non obtemos unha xuntanza na que se poida acordar un calendario de actuación para subsanar estas deficiencias, ou ben unha resposta por parte de todo o órgano de goberno municipal, pois encontrámosnos con que varios concelleiros do mesmo non foran informados sequera do contido das reunións que noutras veces mantiveramos con representantes do concello.












Comentarios

Entradas populares