Solicitude de xuntanza co Órgano de Goberno tema IBI
Esta semana, a Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo, volvemos solicitar a xuntanza , na que se vexan representados todos os partidos políticos e o concelleiro non adscrito, que configuran o Pleno Municipal, dado o grado de implicación e consenso que é necesario cara a aprobación das bonificacións presentadas pola APVS no rexistro do concello o 30 de decembro do 2016, despois dun primeiro compromiso adquirido por membros do goberno municipal o 25 de novembro en revisar o plan de axuste en aras de contemplar e aplicar bonificacións voluntarias para o IBI, e tras a confirmación por parte do Sr. Alcalde Gonzalo Gonzalo Pita a principios deste ano de que xa fora encargada a labor de facer os estudos pertinentes ao Sr. Interventor do concello e que estarían listas no mes de marzo ou abril. Este primeiro encontro ten como finalidade debatir os distintos puntos do documento adxunto, estudar a viabilidade económica das mesmas, e confirmar o compromiso adquirido por cada un dos grupos políticos municipais.
Somos conscientes de que este estudo ten que realizarse, de forma detaiada e precisa, pero tamén sabemos que se está demorando demasiado, o que nos leva a temer que, de novo, non dará tempo a revisalo debidamente e volvan a quedar sen aplicar outro ano máis. Esto é algo que nos preocupa, pois deixar de lado as bonificacións fiscais sería negar a utilidade déstas ao servizo dun reparto máis xusto da carga tributaria entre os contribuíntes, así como para lograr determinados obxectivos de política sectorial, e así facilitar a activación económica.
A Lei Reguladora de facendas Locais establece a posibilidade de regular distintas bonificacións no IBI, como as once que solicitamos no documento presentado: Bonificacións no IBI ós inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construcción e promoción inmobiliaria, para as Vivendas de Protección Oficial (VPO), para vivendas de aluguer social, que se regulen en función de rendas por persoa e non por ingresos por familia as que xa existen para familias numerosas , para Cooperativas, para o sector Primario, por inicio de actividade, para inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento de enerxía solar, para empresas e empresarios (autónomos) por creación de emprego, para zonas carentes de servizos básicos municipais, e para bens inmobles (solo ou terreo) que non se consideren solares por incumprimento das ordenanzas urbanísticas do concello.
Certo é que este ano, moitas persoas verán disminuido o seu recibo do IBI, consecuencia da disminución do coeficiente impositivo do 0.48% ao 0.44%, sen embargo, teñamos en conta, que ano tras ano, desde o ano 2015 ata o 2023, a recaudación en concepto de IBI, ceteris paribus, se verá incrementada dado que as bases impoñibles crecen ao ir disminuíndo a reducción derivada do incremento de valores dos bens inmobles debido á nova ponencia de valores aprobada no 2014, así que esta redución será, na maioría dos casos, ridícula ou inexistente, mentras que para o ano que ven volverá a subir; sen mermar nen solucionar as dificultades que as persoas máis desfavorecidas teñen á hora de cumprir coas súas obrigas tributarias derivadas dunha nefasta xestión e o cálculo da ponencia de dos valores do 2014 (entrada en vigor no 2015),que derivou nun excesivo valor catastral dos bens inmobles do concello de Sanxenxo.
NOTA: Ceteris paribus: “sempre e cando non se vexan alteradas outras variables que poidan interferir”(neste caso na recaudación deste imposto)
Comentarios
Publicar un comentario