Resposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde
Despois de ler e reler a resposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, non entendemos como poden recoñecer que o Sergas non posee en ningún centro PAC de pediatra de urxencias, tendo en conta que nos encontramos nunha zona de alta densidade de población. Se nos atemos á indicación que esta Xerencia fai, todas as urxencias pediátricas deberían ser derivadas ao Hospital Provincial de Pontevedra, o que revertiría en dous problemas:
1. A longa distancia que terían que recorrer os pais e nais para atender as urxencias, co consecuente risco que esto conleva para o menor. (A isocrona actual e real non garante esa asistencia coa maior calidade asistencial para esta poboación (os nenos) que son de especial vulnerabilidade)
2. O colapso da área de urxencias pediátricas do Hospital Provincial.
En ningún momento dubidamos da excelente formación do persoal sanitario da nosa comunidade autónoma, e moito menos dos profesionais que nos atenden no PAC de Baltar; pero sí somos conscientes do risco que corren as nosas fillas e fillos ao non dispoñer de medios e persoal suficiente en cada un dos PAC, algo que compete á xestión do Sergas.
En canto á ambulancia medicalizada (SVA) en Baltar todo o ano, é triste que xustifiquen a súa falta dicindo que xa a temos no verán porque hai veraneantes; o que nos fai pensar que non lles merece atención a saúde dos que vivimos todo o ano na zona (xa que non solicitamos o servizo só para Sanxenxo, estamos a falar das deficiencias dun Centro de saúde que atende á poboación de varios concellos). Ou como se atreven a soster que os tempos de resposta non son importantes fóra desos meses cando todos e todas sabemos o importante que é a rapidez de actuación no caso de urxencias graves.
Queremos recordarlles aos responsables do Servizo galego de saúde que as persoas non somos números, e que unha vida non ten prezo. Pero está visto que rexeitan previr e abogan por tomar medidas unha vez que xa non hai remedio. Hai uns días tivemos un caso no concello que demostra a situación real. Desexamos que esta pequena se recupere pronto, e que ninguna persoa máis teña que pasar por esa experiencia.
Non nos rendimos, nin a APVS nin a Federación de ANPAS o Con, polo que xa presentamos sendas queixas ao valedor do pobo e seguimos coa recollida de sinaturas.
Queremos remarcar o Artigo 136.1. “Principios xerais” da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia: A consecución dunha sociedade galega de avanzada calidade de vida, onde todas as persoas teñan dereito ao benestar e a vivir a súa vida con plenitude, saúde e madurez, de acordo coas súas decisións, precisa uns servizos sociosanitarios adecuados e de calidade.
Comentarios
Publicar un comentario