Asemblea Charla- Coloquio PAH Pontevedra: Apoiando a Leticia Aguín

Despois de coñecer o caso de Leticia, e de escoitar certas manipulacións da información por parte de ABANCA, decidimos, dende a APVS (Asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo) colaborar en todo o que nos sexa posible coa PAH Pontevedra.
Non podemos tolerar que unha nai solteira, con dous nenos, cuns ingresos de menos de 600 €, se quede na rúa e con parte da débeda ao lombo, porque ABANCA non recoñece que lle fixeron un crédito ponte asociado a unha hipoteca para a compra dunha vivenda de Protección Oficial e á cal lle están aplicando un índice referencial (IRPH), que según varias sentencias xudiciais é un índice abusivo.
O pasado venres, 10 de xuño, fomos varias as persoas e asociacións que estivemos presentes na manifestación que a PAH Pontevedra organizou diante de ABANCA, en Portonovo, e onde levan, de xeito indefinido, dende o 5 de xuño.
O próximo sábado, 25 farán os 20 días sen descanso; mostra do gran compromiso que a PAH ten con Leticia Aguín, así como con todos os casos de deshaucio, que por desgracia, existen en España, e nos que están presentes.
Gustaríanos, como asociación municipal, facer un chamamento a todas as persoas, colectivos e órganos institucionais a que se acheguen este sábado,25 ás 16.30h. ao Salón de Usos Múltiples de Portonovo; pregunten e coñezan todo o proceso polo que está a pasar esta veciña de Sanxenxo, afincada en Dena; pois bótase de menos a presenza e a pouca ou nula preocupación dos distintos membros de goberno (sobre todo aqueles e aquelas que teñen competencia como poden ser os concelleiros/as de Asuntos Sociais) tanto do concello de Sanxenxo como o de Meaño.
Un saúdo.




Comentarios

Entradas populares