Moitas grazas a todas e todos!!!!


Dende a APVS queremos agradecer a tod@s @s asistentes a súa participación e apoio na asamblea celebrada onte, sábado día 14 de Marzo, no auditorio Emilia Pardo Bazán que a súa directiva consideramos de exitosa tendo en conta as 63 persoas que acudiron. Queremos aplaudir a unhas veciñas e veciños que, concienciados de que sen a participación activa non se entende un cambio na nosa realidade municipal en pro do ben común e a cooperación, deciden dar voz ós seus dereitos.
Temos que dicir que a xuntanza deu pe á posta en coñecemento de moitos máis casos de erros obxeto de alegacións, e varios veciñ@s aportaron información documentada sobre as súas problemáticas e das que tomamos nota.
Mostramos de forma clara o balance de ingresos e gastos e a súa procedencia e destino aos afiliad@s a fin de ser transparentes nos nosos movementos co compromiso de ofrecer unha memoria detaiada cada trimestre e adoptar decisións en conxunto, como a compra dunha pancarta representativa, para a que animamos aos presentes a proporcionar ideas sobre o lema que lucirá e que en breve explicaremos con máis detaie a forma de facernos chegar as vosas ideas e decidir sobre toda a bagaxe de propostas.
O encontro, como rezaba a orde do día, centrouse na andadura en relación ó problema do catastrazo, as medidas adoptadas e as novas propostas levadas a debate, a través dunha intensa exposición na que quedou patente a desidia tanto na comunicación entre o órgano de goberno municipal e a Xerencia Territorial do Catastro, como na elaboración do regulamento de bonificacións que nunca se contemplara pese a estar a súa posibilidade recollida na lei. A opacidade na explicación da asignación de Sanxenxo ós módulos de repercusión situados entre os tres máis altos de todo o territorio nacional, sen ter en conta un estudio socioeconómico realista da vila e baseándose tan só nos valores especulativos do mercado choca frontalmente contra o principio legal de capacidade económica recollido na Constitución española.
A inoperancia na administración á hora de adaptar a realidade urbanística ó mapa catastral, basado nun PXOM salpicado de erros que sen dúbida afectan ás valoracións de moitas propiedades, lévanos a dar un paso máis cara a corrección destas inxustizas coa entrega dunha carpeta de incidencias o suficientemente dotada de documentación ante o Valedor do Pobo e a Defensora del Pueblo, que teñen potestade como para mesmo impugnar a ponencia de valores se os agravios cometidos chegan a ser de magnitude considerable como estamos vendo en moitos casos.
Por iso animamos a todas aquelas persoas que teñan dúbidas respecto ó recibo do IBI que se poñan en contacto con nós a través do correo–e plataformavecinalsanxenxo@gmail.com para ademáis, asesoralas e levar adiante a súa alegación se fora preciso.
No tramo final sometemos á votación unha segunda proposta que é a de reunirnos cos diferentes partidos candidatos ás eleccións de Maio ou pactar por escrito o seu compromiso de cara a resolver o problema do Catastrazo, que é a problemática máis urxente que agora mesmo nos ocupa dados os plazos impostos por lei. Cunha ampla maioría, decidíuse, entre tod@s, que sen ánimo de dar pe a oportunidades de demagoxia e de fotos de familia, imos lanzar a nosa petición firme por escrito ó mail de cada partido e agardamos que a resposta deixe patente un compromiso sen miramentos. Unha vez celebradas as eleccións nos reuniremos tanto co novo goberno municipal como coa oposición.
De novo AGRADECERVOS a vosa confianza nesta iniciativa unha vez máis, e animarvos a que vos poñades en contacto con nós para formar parte do equipo de traballo e poder crear unha rede sólida que chegue a todas as parroquias e necesidades tanto de veciñ@s como de colectivos que o precisen.
Recordade que o todo é máis que a suma das partes e unidos conseguimos dar potencia a esforzos que conquiran no ben común.

Comentarios

Entradas populares